×
logo red internacional
Facebook Instagram Twitter Telegram YouTube

Milleiros de manifestantes saen á rúa o 10 de Marzo, día da clase obreira galega

Como é habitual cada ano, producíronse nas principais cidades galegas manifestacións en lembranza de Amador Rey e Daniel Niebla, os dous obreiros do estaleiro Bazán asasinados pola policía franquista en 1972, cando participaban dunha folga histórica con epicentro en Ferrol e Vigo.

Jacobo A. García

Miércoles 11 de marzo de 2020
Facebook Twitter

En lembranza de Amador Rey e Daniel Niebla realizouse en Ferrol unha ofrenda floral ás 12:30 por estes falecidos a mans do Estado franquista. Realizáronse ademais manifestacións pola tarde na mesma Ferrol, Vigo, Santiago de Compostela e Lugo e concentracións pola mañá en Pontevedra, A Coruña e Ourense.

Por outra banda en Vigo realizáronse dúas convocatorias distintas: unha por parte da CIG (Confederación Intersindical Galega) que saíu do cruce da Dobrada ata o Farol de Urzaiz ás 18:30, e outra por parte da CUT (Central Unitaria de Traballadores) que saíu ás 19:30 do Cruce de Vía Norte con Urzáiz ata a Delegación da Xunta.

Que os principais sindicatos nacionalistas de Galicia non sexan capaces de entenderse e convocar unha manifestación unitaria é algo que lamentamos fondamente. Sumar forzas para lembrar e defender a xesta histórica da clase traballadora loitando polos seus dereitos e contra o brutal réxime franquista é preciso se o obxectivo é construír un sindicalismo de clase que sexa capaz de enfrontar os ataques actuais do goberno e do capital.

As folgas galegas nos anos 70

No 72 houbo dous episodios folguísticos importantes en Galicia, o primeiro en marzo en Ferrol e o segundo en setembro en Vigo. As súas implicacións no movemento obreiro galego, a loita antifranquista e a dinámica política en xeral son múltiples e non caben neste artigo. Pero tentaremos resumir os principais eventos e cal é o seu significado xeral e por que nos axudan a ter memoria de nosa propia clase e a extraer leccións.

O 7 de marzo dese ano o sindicato vertical firma en Madrid un convenio interprovincial que non recoñecía as demandas dos traballadores de Bazán, en Ferrol, de dispoñer dun convenio propio, nun contexto no que CC. OO obreiras tiña moita influencia nesa cidade. O 8 de marzo os obreiros rexeitan o acordo en asemblea e acordan unha nova asemblea para o día 9.

Empresa resposta despedindo a 6 sindicalistas de Comisións Obreiras: José María Riobó, Manuel Amor Deus, José Díaz Montero, Ramiro Romero, José Miguel Rey e Alfonso Couce. Ramiro Romero é agredido polos gardas ao negarse a asinar a sanción. Esta situación remata por provocar que ás nove e media da mañá cinco mil traballadores concéntranse ás portas da fábrica para esixir a anulación dos despedimentos e sancións aos gardas. A policía carga ás 5 da tarde, continúan os enfrontamentos na cidade e escóitanse o primeiros disparos.

O día 10 catro mil traballadores congréganse fronte ás portas pechadas de Bazán e deciden marchar en manifestación ata o polígono de Caranza e unirse cos traballadores de ASTANO. A policía volve cargar no medio do percorrido da manifestación e é respondida con pedras. As forzas da orde abren lume. Amador e Daniel morren e outro medio centenar de obreiros resultan feridos, pero a policía ten que retirarse ao cuartel, onde se defenden de intentos de asalto.

Nese momento outras empresas da cidade de solidarizan e tamén van á folga. En resposta, o goberno corta as comunicacións e pecha por terra a cidade, e un buque da Armada sitúase fronte ao Ponche dás Pías. O exército permanece acuartelado e Ferrol é tomado pola Garda Civil e a Policía Armada con efectivos de León e Valladolid.

Esta situación continúa ata o 20 de marzo, cando os obreiros vense obrigados a ceder despois de 10 día de rebelión contra a patronal e o asasino réxime franquista. Ademais dos dous mortos, hai 16 feridos de bala, 160 despedidos, 101 detidos, 60 encarcerados e 54 multados con entre 50.000 e 250.000 pesetas. A día de hoxe aínda non se xulgaron os crimes que se produciron por parte das forzas policiais aqueles días, como ocorreu con case todos os crimes cometidos durante o franquismo e a transición.

Xa en marzo houbo en Vigo folgas solidarias cos traballadores de Ferrol, no comezo dunha dinámica que se achegaba a un ambiente de folga xeral tamén en Vigo. No 6 de setembro produciuse unha reivindicación laboral en Citröen, a xornada laboral de 44 horas semanais, e producíronse despedimentos 3 días despois.

Isto provocou unha folga que se converteu en poucos días nunha folga xeral onde se sumaron 15.000 traballadores, tamén doutras empresas como Vulcano e mesmo os traballadores do transporte público. Houbo máis de 6.000 despedimentos, que remataron sendo só 400. A folga desactivouse pola acción policial 15 días despois de comezar.

Este episodio heroico de loita da clase traballadora galega supuxo un golpe importante para o réxime franquista, que se viu obrigado a ceder nalgunhas das reivindicacións obreiras e viu saír reforzado ao sindicalismo deste conflito. Pero sobre todo porque expuxo a posibilidade real dun levantamento obreiro, con demandas económicas sectoriais pero tamén cun profundo sentido político a favor das liberdades democráticas e contra un réxime ditatorial de explotación e opresión. Neste sentido, manter esta mobilización cada ano é parte da recomposición do fío vermello da historia, que nos axuda a preparar novas batallas para vencer.

Con todo, aínda que a CIG rememora estes feitos e ten un discurso de mobilización social, non podemos deixar de ver que o carácter do seu sindicalismo é moito máis electoralista que o dos seus predecesores. O Sindicato Obreiro Galego, xunto con Organización Obreira, que foron predecesores do sindicalismo nacionalista, así como a CC.OO da época tiñan claro que só a organización da clase traballadora nas rúas podía facer gañar vitorias, e incluso tombar a ditadura.

Porén, por exemplo, no discurso da CIG en Vigo o pasado 10 de Marzo, á vez que se expuxo que era precisa a loita obreira para derrogar as reformas laborais, tamén se fixo campaña electoral implícita polo BNG. Un BNG que ten un programa e unha estratexia de pacto co social liberalismo do PSOE, así como de exencións fiscais a grandes empresas en Galicia, que pouco ten que ver cunha visión combativa das decenas de miles de obreiros que loitaron arriscando as súas vidas hai 48 anos.

Como ben di a CIG, Galicia é unha das rexións cunhas pensións máis baixas do Estado español, só por detrás de Estremadura, e os salarios sitúanse hoxe, atendendo ao poder adquisitivo, un 7,6% por baixo dos niveis de 2009, cun 50 % da poboación en pobreza ou risco de pobreza, e con fondas desigualdades por xénero e idade.

Pero se queremos remediar esta situación fai falta máis que discursos e chamados ao voto cada cita electoral. É precisa a realización dunha fronte única de todo o sindicalismo combativo, agrupando tamén ao conxunto de movementos sociais, incluíndo o movemento estudantil.

Hai que aprender dos nosos antepasados, que nun escenario onde non existían liberdades democráticas de ningún tipo, reuníanse e decidían en asemblea e loitaban ata o final, organizando folgas xerais para acadar as súas demandas.

Se queremos rematar algún día con este odioso sistema chamado capitalismo, en Galiza e en todas partes, precisaremos da independencia da nosa clase, a clase traballadora, e confiar nas nosas propias forzas para acadar todas as demandas e reivindicacións sociais e democráticas que ficaron no tinteiro da Transición.


Facebook Twitter

Jacobo A. García

Vigo

Seguir en Twitter

@Jacobscarface

CGT convoca huelga de informáticos contra la perdida de salario firmada por CCOO y UGT

CGT convoca huelga de informáticos contra la perdida de salario firmada por CCOO y UGT

Trabajadorxs del sector audiovisual se movilizan en contra del aumento de la jornada laboral

Trabajadorxs del sector audiovisual se movilizan en contra del aumento de la jornada laboral

Frente Obrero: amigo de picoletos y enemigo de trabajadores

Frente Obrero: amigo de picoletos y enemigo de trabajadores

Ejemplo de lucha: victoria de las trabajadoras de residencias en Bizkaia

Ejemplo de lucha: victoria de las trabajadoras de residencias en Bizkaia

Seguimiento total en la huelga de autobuses de Galicia

Seguimiento total en la huelga de autobuses de Galicia

"¡Las dependientas de Inditex no llegamos a fin de mes!" y continúan en lucha en A Coruña

"¡Las dependientas de Inditex no llegamos a fin de mes!" y continúan en lucha en A Coruña

Sigue la huelga del metal en Ourense por la mejora de salarios y condiciones

Sigue la huelga del metal en Ourense por la mejora de salarios y condiciones

Alberto Núñez Feijóo: el gran barón del PP, amigo de narcos y empresarios corruptos, que podría suceder a Casado

Alberto Núñez Feijóo: el gran barón del PP, amigo de narcos y empresarios corruptos, que podría suceder a Casado