Mundo Obrero Estado Español

SANIDADE PÚBLICA

Os sanitarios loitan polos seus dereitos laborais e pola Sanidade Pública en Galiza

O persoal técnico sanitario mobilizarase o 13 de Decembro na Coruña. Esixen o recoñecemento da súa categoría profesional e o fin da precariedade. As súas demandas ignoráronse nos novos PGE do falso goberno “progresista”. Os sanitarios maniféstanse contra a xerencia en Pontevedra.

Domingo 6 de diciembre de 2020 | 08:30

Os efectos da pandemia foron intensificados por unha década de recortes na Sanidade Pública, co obxectivo dunha privatización gradual. Se isto non se produciu aínda foi pola enorme oposición popular e do persoal sanitario. Así e todo, pasouse gran parte do axuste cunha importante redución de salario e aumento de precariedade dos traballadores e traballadoras sanitarias. En Galiza é particularmente indignante coa contratación, mesmo por horas soltas, de persoal cualificado, como persoal médico, de enfermería ou técnicos. En Esquerda Diario xa escribimos sobre isto aquí ou aquí.

Neste contexto, o 13 de Novembro de 2017 fúndase na Coruña a Plataforma Nacional de Técnicos Sanitarios, C1 e B. Milleiros de técnicos sanitarios estaban cansos dos efectos da Disposición Transitoria Terceira do EBEP (Estatuto Básico do Empregado Público) e organizáronse para esixir a aplicación inmediata do Artigo 76 do EBEP, despois de 13 anos de espera no que non se lle recoñeceu a súa categoría profesional.

A plataforma abrangue aos distintos colectivos sanitarios: técnicos de enfermería, técnicos de farmacia, técnicos de emerxencias sanitarias, técnicos en axuda á dependencia, técnicos superiores en radiodiagnóstico e medicina nuclear, técnicos superiores de laboratorio e diagnóstico clínico, técnicos superiores de anatomía patolóxica e citodiagnóstico, técnicos en documentación sanitaria e técnicos en radioterapia. En total estes colectivos agrupan ao redor de medio millón de traballadores en todo o Estado e uns 18.000 en Galiza.

No ano 1995 a Secretaría de Estado da Función Pública actualiza o EBEP, deixando bloqueados a todos os empregados de Formación Profesional ata que o Plan Bolonia se completase. No 2007 a administración pública deixa aos técnicos sen recoñecer a súa categoría profesional. Esta plataforma esixe unha categoría profesional no grupo C1 para técnicos de grao medio sanitario e Grupo B para técnicos superiores. As reivindicacións concretas para cada colectivo son as seguintes:

  • Recoñecemento das funcións de nivel 3 para o persoal técnico de enfermería. Creación das prazas de Coordinador/a Técnico de Enfermería. Aumento da contratación por habitantes nos centros de Atención Primaria, Atención Especializada e centros de maiores e dependentes. Recoñecemento da función docente a futuros profesionais a cargo do persoal técnico.
  • Creación de bolsas e prazas públicas para os técnicos de farmacia nas comunidades que carecen das devanditas bolsas. Contratación de profesionais adecuados TFAR (Técnicos de farmacia) e non facer abuso na contratación doutros profesionais menos cualificados.
  • Recoñecemento dos TES (Técnicos de Emerxencias Sanitarias) como persoal sanitario estatutario. Denuncia do intrusismo dos TTS, que tan só posúen un Certificado de Profesionalidade, e só estarían habilitados para a condución. Correcta asignación de competencias entre TES e TTS e estatutarización dos TES.
  • Denuncia dunha contratación incorrecta dos técnicos de axuda a persoas en situación de dependencia. Esíxese unha maior creación de prazas e bolsas de contratación para os técnicos de axuda a persoas en situación de emerxencia. Un aspecto moi importante debido ao envellecemento da poboación e a actual pandemia.

A loita é o único camiño

As traballadoras empezaron nun primeiro momento a realizar paróns de 20 minutos nos seus centros de traballo. Despois realizaron reunións cos grupos parlamentarios, tanto a nivel estatal como autonómico. Procuraron o apoio en partidos políticos que presentaron iniciativas parlamentarias en Galiza e Andalucía, que foron presentadas por Vanesa García, deputada de Adiante Andalucía no parlamento andaluz e Eva Solla, de En Marea no parlamento galego. Iniciativas que foron aprobadas por maioría parlamentaria e levadas ao Consello Interterritorial de Sanidade. Tamén contactaron coas principais centrais sindicais, UXT, CCOO E CSIF.

Desde CCOO, realizouse un estudo económico no que se afirmou que o custo do aumento de soldo deste sector poderíase levar a cabo en 4 partidas orzamentarias, desviando o 4% do orzamento anual da función pública, proposta que tamén é apoiada por UXT E CSIF. As traballadoras e traballadores consideran que isto é de xustiza xa que os empregados públicos han perdido un poder adquisitivo desde o ano 2007 de máis dun 20%.

O grupo de goberno asinara no seu pacto de coalición: a culminación da transitoria do EBEP e a reclasificación de todo o persoal sanitario actualizando as funcións dos profesionais que datan do ano 1973, sendo franquistas e anticonstitucionais. Porén, no novo documento dos PGE non aparecen estas cuestións, o que constitúe unha nova traizón á clase traballadora por parte do goberno mal chamado “progresista”. Diante desta decepción o persoal técnico sanitario decidiu impulsar a mobilización social, comezando cunha primeira manifestación o domingo 13 de Decembro ás 11:00 no Obelisco da Coruña.

Esta mobilización encádrase nun contexto máis amplo en Galiza, onde o persoal sanitario lévase mobilizando con regularidade en Pontevedra dende hai meses, esixindo máscaras FFP 2 para todo o persoal médico, un mellor control dos accesos aos hospitais e a responsabilidade por parte da xerencia nos brotes do persoal, como o que ocorreu recentemente na planta de pneumoloxía, así como outras medidas. E a dimisión da xerencia pola súa incapacidade nesta pandemia.

As mobilizacións foron convocadas polos sindicatos Co. bas, Prosagap, CESM-GALICIA, e non tiveron o apoio dos grandes sindicatos que sentan a pactar coa xerencia e non apoian as mobilizacións. Na última desas mobilizacións, o venres 27 de Novembro, concentráronse ao redor de 200 persoas na Praza de España. O que demostra que os traballadores os traballadores teñen motivos e necesidade de mobilizarse, e á súa vez o papel criminal das burocracias sindicais que se negan a loitar cun plan serio, e deixan así pasar os ataques e os recortes.

Está claro que a mellora das condicións laborais e o reforzamento dos servizos públicos só vai acontecer coa forte mobilización do persoal sanitario e do conxunto do pobo traballador. O persoal técnico sanitario fixo unha experiencia coa “nova política” de Podemos, Esquerda Unida e as súas alianzas, que unha vez máis demostraron ser parte da “vella política” que antes criticaron. Unha esquerda ao servizo dos grandes poderes económicos e non ao servizo da clase traballadora e os sectores populares. Só así se explica que se manteñan condicións de extrema precariedade nos servizos públicos, non se paralicen os desafiuzamentos, a renda mínima universal sexa case imposible de cobrar, etc, mentres se dedican cantidades milmillonarias para salvar ás grandes empresas do IBEX 35.

A saída para defender os servizos públicos e mellorar as condicións dos seus traballadores pasa pola nacionalización completa da sanidade privada para dedicar estes recursos para loitar contra a pandemia, a realización de contratos fixos a todos os persoal da Sanidade e todos os servizos públicos, e a reversión de todos os recortes producidos durante a crise. E todo iso financiado con impostos ás grandes fortunas, aos beneficios empresariais, e coa nacionalización dos sectores estratéxicos da economía como a enerxía ou as telecomunicacións, que foron privatizados a prezo de saldo hai décadas.

Para impor este programa de emerxencia social é precisa a mobilización social de todos os sectores da clase traballadora e máis a mocidade. Por iso é importante desenvolver experiencias de auto-organización dos traballadores o que implica loitar contra as cúpulas sindicais e pola unificación das loitas, para impoñer un plan de saída a esta crise oposto a salvar os intereses dos capitalistas e que dea resposta ás necesidades da maioría social.






Temas relacionados

Mundo Obrero Estado Español   /   Galicia   /   Sanidad Pública   /   Trabajadores sanidad   /   Servicios públicos   /   Sanidad

Comentarios

DEJAR COMENTARIO